Tuesday 14 de May de 2024

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e a AMTEGA elaboran unha guía para a inclusión das infraestruturas de telecomunicación no planeamento municipal


Coa nova normativa sectorial as redes de comunicacións electrónicas convértense nun equipamento de carácter básico a incluír na planificación territorial e urbanística

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vén de redactar unha guía de recomendacións destinadas aos Concellos para a introdución das infraestruturas de telecomunicacións no planeamento municipal. Trátase da primeira das medidas do Plan de Banda Larga 2020 para impulsar o planeamento e ordenación territorial das infraestruturas TC da Comunidade.
As recomendacións foron elaboradas a raíz do establecido pola Lei 9/2014, de 9 de maio, Xeral de Telecomunicacións, que esixe a inclusión das infraestruturas de telecomunicacións na normativa e instrumentos de planificación territorial e urbanística, ao igual que se fai coas outras infraestruturas de servizos de interese xeral como son a auga, a electricidad, etc.
Para asegurar o cumprimento desta nova obrigatoriedade, a Lei Xeral de Telecomunicacións establece que os concellos deberán solicitar un informe preceptivo, emitido polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo (MINETUR), previo á aprobación do instrumento de planificación de que se trate, o cal terá carácter vinculante sobre á súa adecuación á nova normativa sectorial.
Para facilitar o cumprimento das directrices xerais establecidas pola normativa sectorial, a AETG elabora, publica e difunde as recomendacións precisas a través da súa Oficina de Concellos. Ademais, a guía esta accesible a través dos portais da AETG http://www.aetg.gal/articulos/oficina-concellos-aetg e da Amtega e Eido Local da Xunta de Galicia http://www.eidolocal.gal
Oficina Concellos AETG
Cómpre lembrar que a AETG, no marco de colaboración coa Amtega, ten á disposición dos concellos galegos, un servizo de asesoramento en materia de despregamento de infraestruturas de telecomunicacións

Neste senso, tendo en conta que máis dun terzo dos concellos están a tramitar actualmente plans urbanísticos nos que cómpre contemplar infraestruturas de telecomunicacións, desde esta Oficina, estase a levar a cabo unha campaña de difusión aos concellos sobre as recomendacións definidas neste ámbito. A AETG está a redactar, tamén, unha memoria técnica, con planos e información detallada, que sirva de exemplo para incorporar as infraestruturas de telecomunicacións nos instrumentos de planeamento.
Calquera concello interesado nestas recomendacións ou en calquera outro tema sectorial no ámbito das telecomunicacións, pode poñerse en contacto coa AETG a través do teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h e no enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal.